Esta tarde asinouse na Casa Museo de Rosalía en Padrón a renovación do convenio de colaboración entre a Fundación e o Concello de Brión. O documento foi rubricado polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, o académico Anxo Angueira.
En virtude deste convenio, polo que o Concello de Brión achega 1.000 euros, tanto as entidades educativas como as asociacións culturais do municipio poderán acceder a visitas guiadas de balde á Casa Museo de Rosalía. Asemade, as persoas censadas no Concello de Brión poderán entrar de xeito gratuíto na Casa-Museo.
Brión é un concello con estreitas ligazóns con esta senlleira autora, polo que tamén forma parte do itinerario da Ruta Rosaliana, cun lugar de referencia na obra e vida de Rosalía de Castro como é Bastavales. De feito, Pablo Lago Sanmartín amosou tamén a disposición do Concello de Brión a seguir colaborando coa Casa de Rosalía “en todo o que teña que ver coa posta en valor da figura da poetisa”.
A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.
Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.