Carballo, Ordes e Brión acollen a I Edición do Circuíto 3x3 de Baloncesto da Deputación da Coruña

Baloncesto 3x3
Nace o Circuíto 3x3 Deputación da Coruña. A I edición desta actividade achegará o baloncesto en modalidade 3x3 aos nenos e nenas de entre 10 a 14 anos dunha forma divertida e coa rúa como escenario.

Deputación da Coruña e Federación Galega de Baloncesto poñen en marcha o I Circuíto 3x3 da Deputación da Coruña. Ao longo do mes de xuño o Baloncesto en modalidade 3x3 despregará todos os seus atractivos nas rúas dos concellos de Carballo, Ordes e Brión.

Aberto a participación dos clubs federados da provincia da Coruña, esta I edición do Circuíto 3x3 Deputación da Coruña contará en xogo coas categorías premini, mini e infantil. A competición levarase a cabo ao longo de tres datas diferentes: dúas fases previas e a gran fase final. As primeiras terán lugar en Carballo (7 de xuño) e Ordes (14 de xuño), celebrándose a Fase final en Brión o 28 de xuño.

Cada club poderá inscribir un máximo de tres equipos, dando prioridade aos clubs sen ningún equipo inscrito. En cada fase previa poderán participar un máximo de 16 equipos por categoría, podendo ser femininos, masculinos ou mixtos e competindo xuntos.

Os equipos estarán integrados por un máximo de catro xogadores e un mínimo de tres, contando tamén cun responsable de equipo que deberá contar con licencia federativa na tempada 2024-2025 e ser maior de idade.

Inscrición
Todos os equipos que desexen formalizar a súa inscrición no I Circuíto Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña deberán inscribirse no portal de clubs da Federación Galega de Baloncesto https://fegaba.gesdeportiva.es/clubes

Os equipos poderán inscribirse para unha ou dúas das Fases previas, tendo en conta sempre que a clasificación para a Fase final determinarase polo sumatorio dos puntos conseguidos nas dúas primeiras sedes.

A cota de inscrición será de balde. O Prazo para tramitala abre este martes, 6 de Maio; e pecharase o vindeiro 28 de maio.

A normativa completa da competición pode consultarse en www.fegaba.com