Como cada 23 de febreiro Brión celebra o Día de Rosalía de Castro, unha data na que conmemoramos o nacemento da máis senlleira das nosas autoras, figura central do Rexurdimento da nosa lingua e literatura.
Con tal motivo, o Concello de Brión desexa convidar a toda a cidadanía a participar nunha ampla programación cultural e de lecer con diferentes actividades e propostas culturais para homenaxear a figura de Rosalía, tan vinculada co noso concello a través de Bastavales. Un programa que se estenderá ao longo do mes de febreiro.
Brión, unha historia que contar: O sentir universal de Rosalía
O venres 20 de febreiro poderemos gozar no Centro Social de Brión dunha nova edición do ciclo “Brión, unha historia que contar”, centrada nesta ocasión na figura de Rosalía de Castro. Unha experiencia artística coa interpretación de Chiruca Tarrío, a música de Francisco Castro e a participación de Teatro das Maniotas do IES de Brión. Comezará ás 20:30h., con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
23 de febreiro, Alborada, Caldo de Gloria e Café con Verso
Na data que conmemoramos o nacemento de Rosalía, non podemos deixar de celebrar a súa figura resaltando a estreita ligazón que a autora de “Cantares Gallegos” e “Follas novas” ten coa parroquia de Bastavales. A mediodía, a igrexa de S. Xiao acollerá a tradicional Alborada e Ofrenda Floral coa que Brión homenaxea tódolos anos a autora. Un acto no que participarán escolares do municipio e contará coa presenza de representantes do goberno local. A música tradicional correrá a cargo do grupo “Airiños do Petouto”.
Pola súa parte, varios establecementos hostaleiros do concello ofrecerán aos seus cliente o tradicional Caldo de Gloria, un petisco vinculado á obra de Rosalía que acompañará as consumicións que se realicen ao longo da xornada. E se vas tomar un café no Día de Rosalía, que mellor que facelo acompañado dunhas estrofas representativas da autora. Un “Café con verso” que tamén saberá a gloria
Contacontos, recitais poéticos e de música
O día 12 de febreiro celebraremos unha actividade de narración oral, organizada pola biblioteca municipal e dirixida ao público infantil da man do grupo A Xanela do Maxín. Trátase do espectáculo “Dende Rosalía”, unha combinación de teatro, poesía, música e pequenas sorpresas escénicas, holografías e personaxes fantásticos conviven para mostrar que estas mulleres non só fixeron historia, senón que continúan inspirando ás xeracións máis novas. Celebrarase o xoves 12 de febreiro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.
O día 21 de febreiro o Centro Social Polivalente acollerá ás 20:00 h. o espectáculo “Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido”, unha viaxe a través da imaxe, o son e a palabra inspirada na poesía de Rosalía. Con Rafa Fernández (guitarra/composición), Lara Dopazo (voz) e Iván Torres (videocreación). Con entrada de balde ata completar a capacidade do local.
A programación rematará o día 27 de febreiro cun recital de poesía e música a cargo do Grupo Ouriol que presentará en Brión “De nome Rosalía”. Un espectáculo dedicado á poesía de Rosalía de Castro, especialmente á recollida en Cantares Gallegos e Follas Novas. Con Eva Veiga, Bernardo Martínez, Fito Ares e Alfonso Costa. Comezará ás 20:30 h. no Centro Social Polivalente, con entrada de balde.
Consulta toda a programación premendo nesta ligazón