O Concello de Brión súmase á Vía Mariana Luso Galaica, que contempla a creación dun desvío polo municipio

Encontro Transfronteirizo de presidentes de cámara e alcaldes da Vía Mariana
A intención da asociación é poder ofrecer un desvío alternativo ao itinerario actual e que iría por A Baña, Negreira, Brión e conectaría directamente con Padrón

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, participou esta mañá no II Encontro Transfronteirizo de presidentes de cámara e alcaldes da Vía Mariana, que tivo lugar na localidade portuguesa de Melgaço organizada pola Asociación Vía Mariana Luso-Galaica. Un itinerario de 400 quilómetros, distribuídos en 17 etapas, que une os santuarios de Nossa Senhora do Sameiro (Braga) e Santa María da Barca (Muxía).

Un encontro no que participou por vez primeira o Concello de Brión, xa que a intención da Asociación Vía Mariana Luso-Galaica é a de poder ofrecerlles aos peregrinos un desvío alternativo por Brión na 13ª etapa. Deste xeito, unha vez saídos de Padrón e chegados a Faramello, o peregrino tería dúas alternativas:

  • Continuar cara a Teo, Santiago de Compostela e A Baña.
  • Continuar por Brión, facendo un traxecto de 25 quilómetros pasando polo santuario dos Ánxeles e pola Capela e a Carballeira de Santa Minia, para continuar por Trasmonte para conectar con A Baña na 14ª etapa. Ademais, este percorrido achega aos peregrinos a outros lugares de intereses como a ponte romana de Paradela, o Castro Lupario ou a Igrexa de Bastavales.

Na súa intervención no II Encontro Transfronteirizo de presidentes de cámara e alcaldes da Vía Mariana, Pablo Lago agradeceu aos presentes “todo o traballo que levades feito, así como esta proposta dunha vía alternativa a través do noso concello para poñer en valor o noso patrimonio cultural e natural. Eu, como alcalde, póñome á vosa disposición para traballar para que isto sexa posible”.

Neste sentido, Lago Sanmartín  amosou a disposición do Concello de Brión “a colaborar en todo o que sexa preciso para que esta ruta alternativa sexa do interese dos peregrinos que percorren esta Vía Mariana ao longo do ano e que se sumarán aos que xa estamos recibindo tamén procedentes do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia”. E é que Lago Sanmartín asegurou que “todo o que sexa atraer turistas a Brión é benvido e contarán con todo o noso apoio”.

O II Encontro Transfronteirizo de presidentes de cámara e alcaldes da Vía Mariana estivo presidido por María José Silva, presidenta da Asociación Vía Mariana Luso-Galaica; e o presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista. A ela asistiron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, así como os alcaldes de A Baña, Ames, Mazaricos, Muxía, Santa Comba, Valga, Vimianzo e Zas.