O GES de Brión recibe da Xunta un equipo de excarceración valorado en máis de 56.000 euros

equipo excarcelacion
O alcalde brionés Pablo Lago asinou un convenio de cesión do material co vicepresidente segundo, Diego Calvo, e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, participou hoxe na Estrada no acto de entrega de equipamento aos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) de Brión, Curtis, A Estrada e Ortigueira. Un acto que estivo presidido polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva. Trátase dun equipo de excarceración para o GES de Brión que supón un investimento de máis de 56.000 euros.

Os técnicos do GES de Brión reciben así as ferramentas axeitadas para corte, separación, elevación e tracción de altas prestacións en tarefas de rescate e actuacións en emerxencias, como accidentes de tráfico con persoas atrapadas e rescates en espazos confinados, estruturas colapsadas ou con excarceración de persoas, entre outras. Deste xeito, os equipos compóñense dunha bomba a motor, mangueiras, cizalla, separador, cilindro de corte, puntais de estabilización, punzón rachacristais, serra e diversos accesorios como baterías, soportes, escudo protector entre outros elementos.

Pablo Lago asinou con Diego Calvo o convenio de cesión deste equipo de excarceración e aproveitou para agradecerlle a súa colaboración á hora de reforzar o equipamento do GES de Brión. “En abril de 2022 soliciteille a Santiago Villanueva un esforzo para incorporar novo material para excarceracións. Xusto un ano despois estamos aquí recollendo este completo equipo que facilitará as actuacións dos nosos profesionais”, asegurou o alcalde. Neste sentido, Lago Sanmartín lembrou que “dispoñer deste tipo de equipamento nova é moi importante para que a atención ás vítimas sexa a mellor posible pero tamén para que os nosos profesionais non teñan que facer esforzos en balde”.

De feito, durante 2022 o Concello de Brión recibiu un furgón 4x4 de servizos varios por un importe de 89.540 euros, ademais doutros 50.000 euros para a ampliación das instalacións do GES brionés. A maiores, recibiuse nos últimos anos case 52.000 euros en material como un vehículo todoterreo tipo pick-up, unha embarcación, un desfibrilador, un traxe de velutina, un esparexedor de sal e un detector de gases