A cuarta edición do Festival de Cine Galego “O Tremo”, organizada polo Concello de Brión e Aldea Producións, colga o cartel de “non hai billetes” en apenas unha semana. “Tan só quedan unhas vinte butacas para Lelo&Lou pero o resto das sesións completáronse moi axiña, o que supón unha gran satisfacción para a organización pois amosa o interese que esperta o certame”, salienta Ramón Cordido, responsable de Aldea Produccións.
Así llo trasladaron o alcalde de Brión, Pablo Lago, e os responsables de Aldea Producións, Ramón Cordido e Xacobe Sineiro, ás entidades patrocinadoras do festival durante un encontro mantido no restaurante Abelleira (Brión). Unha xuntanza á que asistiron a directora do Hotel Balneario Compostela, Encarna Branco; o delegado de zona de Gadisa, Román Roo; o xefe de Servizo de Espina & Delfín, Pepe Monteagudo; e o xestor cultural do Concello de Brión, Alberto Álvarez.
O alcalde, Pablo Lago, agradeceu a colaboración de todos os presentes e salientou que “estamos falando dun festival xa consolidado e que cada ano espera maior atención. Unha iniciativa que non só serve para poñer en valor o presente do sector audiovisual galego, senón que tamén nos permite achegalo de forma gratuíta aos veciños e veciñas de Brión”. Un punto no que salienta as charlas coloquio cos actores e directores que asisten ás proxeccións, así como as divertidas sesións de photocall que teñen lugar todos os anos.
Programa
O IV Festival de Cine Galego “O Tremo” terá lugar no auditorio do centro social polivalente de Brión o venres 24 e o sábado 25 abril. O festival inclúe unha primeira sesión exclusiva para o alumnado do IES de Brión, quen poderá ver “Antes de nós”, filme que logrou 13 Premios Mestre Mateo e cuxo guionista, Pepe Coira, contestará ás preguntas que fagan os alumnos e alumnas brioneses. Ese mesmo venres 24, ás 21:00 horas, tomará o relevo “Rondallas”, primeiro filme en esgotar as localidades.
O sábado 25 de abril, ás 18:00 horas, proxectarase “San Simón”, coa presenza do seu director, Miguel Ángel Delgado, e dos actores principais, Flako Estévez e Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”. E ás 21:00 horas, proxección do filme “Leo&Lou”, coa presenza da nova actriz Julia Sulleiro e do director Carlos Solano