Gran acollida en Brión á primeira sesión do “Pint of Science España”, un festival gratuíto que busca achegar a ciencia á cidadanía a través dun punto de encontro tan presente no noso país como son os bares. “O Pint Kids foi todo un éxito. Cubrimos todas as prazas e aos rapaces encantoulles, fóronse encantados coa experiencia. E coas charlas científicas tamén bastante ben, cunha trintena de persoas entre o público”, sinala Nerea Lago, investigadora postdoutoral e responsable de Comunicación desta edición en Brión.
Esta é a primeira ocasión na que o Concello de Brión se suma a esta iniciativa, que este ano celebra a súa undécima edición en 114 cidades de todo o territorio nacional. “Onte tivemos dúas quendas de Pint Kids, con vinte nenos e nenas en cada grupo que puideron ver células no microscopio de todo tipo, desde ás de abella e células sanguíneas ata tecido ovárico ou mostras de cebola”, explica Nerea Lago, quen engade que “tamén aprenderon como se cultivan as células, mentres pipeteaban volumes de líquidos de cores, e experimentaron como é o xeo seco nas súas propias mans”.
Por outra banda, no interior do bar O Novo Faro tiñan lugar as dúas primeiras charlas do ciclo da man de María del Carmen Veiga Barbazán, profesora da Universidade da Coruña que falou sobro como transformar os residuos en bioplásticos; e Manuel Collado Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas quen disertou sobre como devolver a xuventude aos tecidos humanos.
Novas charlas
“Hoxe martes continuamos a partir das sete da tarde con outros tres relatorios nas que aprenderemos como se fai unha análise toxicolóxica a través do pelo ou como a través da análise dos dentes podemos coñecer como eran os nosos devanceiros. Unhas charlas ás que están todos convidados a sumarse no bar O Novo Faro, en Brión”, apunta Lago Baameiro.
“Pint of Science” é un evento gratuíto e aberto a todas as persoas que desexen asistir. Organizado por tres veciñas e veciños de Brión (Antía Lestido Cardama, Yago Lestido Cardama e Nerea Lago Baameiro), cona coa colaboración de varios voluntarios do muncipio como Aroa Cernadas Pazos, Pablo Pedrosa Lado, Laura Fresco Rey e Ana María Barciela de la Iglesia. O Concello de Brión, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Cienytech e Portomédica son os patrocinadores locais do evento, que se unen aos nacionais: Fundación Pfizer, Labbox, CESIF, VHIO, Miltenyi, JJNN e Vadillo Asesores.
Programación
Hoxe martes, a partir das 19:00 horas, terán lugar tres charlas divulgativas. Clara Veiga Rilo, profesora de arqueoloxía na no Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre “A vida a través da morte”, explicando como a través do estudo químico e da patoloxía dental de cemiterios arqueolóxicos de Galicia podemos coñecer como eran os galegos que viviron antes ca nós. Ángela López Rabuñal, investigadora asociada ao Grupo de Toxicoloxía Clínica e Conductual da USC, disertará sobre “A análise de pelo en toxicoloxía forense”, explicando como se fai, que tipo de información pode achegar e as diferenzas con outras análises como as de sangue ou ouriños. Finalmente, Xairo Calvo Pérez, do Museo da Lourinha, mergullará aos brioneses na paleontoloxía para amosar como estudar o cerebro e os órganos dos sentidos un ornitomimosauro, na charla “Que ten un dinosauro na cabeza?”.
As tres derradeiras charlas do ciclo terán lugar mañá mércores 20 de maio, a partir das 19:00 horas. Na primeira, titulada “Biotecnoloxía vexetal: do laboratorio ao campo”, Lara Gómez Brandón, do laboratorio de biotecnoloxía vexetal Cultigar, falará sobre como multiplicar as variedades de olivo autóctono ou como aplicando termoterapia se pode conseguir patacas libres de virus. O xeógrafo Diego Cidrás Fernández, da USC, disertará sobre “O eucalipto e os límites da ciencia das invasión”, contado a experiencia xurdida en 2017 no concello de Teo para que o eucalipto fose declarado Especie Exótica Invasora. Finalmente, o arqueólogo Mario Ramos Soriano porá en cuestión a idade da Alta Idade Media como “idade escura”, ofrecendo unha visión renovada sobre a Galicia costeira nese período a través da arqueoloxía no seu relatorio “Entre sardiñas e castelos na Idade Escura”.