A oitava edición do Delas Fest, o primeiro festival de arte urbana e contextual con perspectiva de xénero celebrado en Europa, chega esta semana a Brión. Diana Rodeiro “Nana”, artista urbana, ilustradora e educadora artística, pintará un mural na piscina municipal de Brión entre o 17 e o 23 de xullo. Unha iniciativa que está aberta á participación da veciñanza de Brión, que o sábado 18 de xullo poderá participar nunha merenda na contorna da piscina onde a artista compostelá amosará o bosquexo feito grazas ás súas pesquisas contextuais. Un espazo ao que non é alleo Nana, pois en 2022 xa realizou outra intervención mural na mesma instalación, tamén dentro do Delas Fest.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, participou hai uns días na presentación oficial deste festival, organizado por “7 h Cooperativa Cultural” e que conta coa colaboración dos Concellos de Brión, Negreira e Santiago, a Deputación da Coruña. “Dende o Concello de Brión seguiremos apoiando este festival feminista de arte urbana, ao tempo que convidamos a todos os veciños e veciñas de Brión a sumarse á iniciativa Muros en man común”, apuntou Sandy Cebral. Unha iniciativa pola que calquera persoa ou entidade, como propietaria dun inmoble ou edificación, poida ceder gratuitamente algunha parede ou muro susceptible de ser soporte destas intervencións artísticas.
“Persoalmente, aínda lembro o ben que o pasamos o ano pasado con Tamara Baz e o mural da escola infantil de Sabaxáns, ou ese Fauno de Amaia Arrazola na unitaria dos Ánxeles que, co paso do tempo, tense convertido no protector do colexio e o mellor compañeiro de xogos para a rapazada”, lembrou a concelleira.
Artista recoñecida
Nana é unha das artistas urbanas galegas de maio traxectoria. Actualmente, o seu traballo diversifícase entre a ilustración, a educación artística e a arte mural, onde é todo un referente con máis de 20 anos de traballos ás costas. Estudou xoiería artística na EASD Mestre Mateo, ilustración na EASD Pablo Picasso e comezou a pintar murais nas rúas coas súas amizades.
A natureza, a liberdade, as mulleres e as crianzas, a crítica social, a reconstrución... son temas recorrentes na súa obra. Na súa paleta sempre leva cores saturadas e vibrantes. Botando man de sprais, brochas e roletes, constrúe figuras femininas e animais fáciles de recoñecer, que xa conforman un imaxinario propio que identifica o seu estilo e a súa mirada.
Outras intervencións
A oitava edición do Delas Fest inclúe un total de catro intervencións murais, que están ao cargo dos pinceis e sprais das artistas mexicanas Janín Nuz (San Luis Potosí, 1990), ilustradora e artista urbana, que levará a súa arte á rúa Cruz da Nogueira nº10; Yuda (Jalisco, 1998), muralista e artista en gran formato, que desenvolverá o seu traballo na rúa Suarribas nº61; e das galegas Isa Bermúdez (Hadamar, Alemaña, 2001) que compaxina a práctica e docencia artística, e executará a súa obra no espazo que acolle a Unidade de Atención Temperá de Negreira (Rúa Rosalía de Castro, 1); e a mencionada Nana (Santiago de Compostela, 1983), artista urbana, ilustradora e educadora artística, que pintará na Piscina Municipal de Brión Be One (Lugar de Pedrouzos, s/n). As intervencións murais terán lugar entre o 13 e 19 de xullo en Compostela, entre o 17 e o 23 de xullo en Brión e entre o 27 de xullo e 2 de agosto en Negreira.
Este programa é posible grazas á liña de subvencións da Deputación da Coruña, aos Concellos de Brión, Negreira e Santiago, e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Alro Maquinaria e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas e Daveiga-Galletas Mariñeiras.