Volven os concertos e o teatro a Brión

Volven os concertos e o teatro a Brión
O Concello de Brión, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, retoma a súa programación cultural no mes de marzo que comeza este luns.

Brión programará  tres sesións de teatro profesional e tres concertos que terán lugar sempre que a evolución da pandemia da Covid-19 e as autoridades sanitarias así o permitan. Seis actuacións gratuítas para as que será preciso reservar localidade chamando ao 981 50 99 08. Os protocolos obrigan a limitar o número de asistentes e os veciños do concello terán prioridade.

A programación teatral inclúe tres actuacións no centro social polivalente que terán lugar os sábados 6, 13 e 20 de marzo, ás 20:00 horas. Inversa Teatro abrirá o telón o sábado 6 de marzo coa súa obra “Té con Kant”, un espectáculo escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez, que tamén interpreta a obra canda María Roja. Trátase dun proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para conseguir unha función próxima ao formato de teatro didáctico.

O sábado 13 de marzo será a quenda de Teatro da Ramboia, que porá en escena “O meu mundo non é deste reino”, peza gañadora do primeiro certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Trátase dunha adaptación da “Farsa de Buluú”, de Manuel María, que está dirixida por María Peinado e supón unha parodia da ditadura franquista da man dos actores Anxo García e Fran Lareu.

Finalmente, o sábado 20 de marzo Ibuprofeno Teatro porá o peche a este ciclo teatral coa súa obra “O mel non caduca”, unha comedia dirixida por Santiago Cortegoso con Marián Bañobre e Avelino González como protagonistas. A obra xira arredor do cambio climático, a degradación do planeta e a relación do ser humano cos obxectos, especialmente aqueles con obsolescencia programada.

Fin de semana musical

E a derradeira fin de semana de marzo terán lugar os tres concertos programados polo Concello de Brión. Serán no pavillón polideportivo municipal, ás 19:00 horas. A Banda da Loba abrirá o cartel o venres 26 de marzo, presentando en Brión o seu último traballo “Fábrica de luz”, unha homenaxe en torno á figura da nai entendida nun sentido amplo, é dicir, a lingua, a terra e a propia muller.

O sábado 27 de marzo é a quenda de Leilía, co seu espectáculo “CantarElas 2020”.  Trátase dun concerto que fai un repaso polos temas máis emblemáticos dos máis de trinta anos deste grupo de mulleres. Finalmente, o domingo 28 de marzo, Pelepau pechará este ciclo de concertos presentando o seu último traballo: “Na beira”. Un espectáculo interactivo e dinámico a través destes once percusionistas procedentes da cidade de Vigo.

As persoas que asistan deberán utilizar máscara durante todo o espectáculo, respectar a distancia de seguridade, utilizar os dispensadores de hidroxel á entrada do concerto e manterse sentada na súa butaca ata que remate o espectáculo e as persoas responsables da organización lle indiquen por onde abandonar o recinto.