Últimos días para a presentación de orixinais ao III Premio Laudamuco para Textos Teatrais

Últimos días para a presentación de orixinais ao III Premio Laudamuco para Textos Teatrais
Poden optar ao premio de 7.000 euros e edición da obra todos os autores/as de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita en galego antes deste venres 12 de febreiro

Últimos días para presentar orixinais á terceira edición do Premio Laudamuco para Textos Teatrais, convocado polo Concello de Brión en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Trátase do premio anual con maior dotación económica do teatro galego, 7.000 euros, ao que hai que engadir a edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas.

O prazo de presentación está aberto ata este venres 12 de febreiro na Casa da Cultura de Brión onde, a día de hoxe, xa se recibiron un total de 22 textos. “Estamos satisfeitos pola cantidade de obras recibidas a estas alturas, xa que duplicamos o número da pasada edición”, explica o técnico de Cultura, Alberto Álvarez.

Presentación de orixinais

Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión. A Coruña). Deberase indicar no exterior do sobre “III Premio Laudamuco para Textos Teatrais, 2021”. Nun sobre anexo pechado deberá figurar: o lema (no exterior) e os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor (no interior).

O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral e será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín. O seu veredicto, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.

De non haber cambios debidos á evolución da pandemia da Covid-19, a entrega do III Premio Laudamuco terá lugar o domingo 16 de maio de 2021 no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 43 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.

Nas súas dúas primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019) e no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020). O premio toma o nome da obra Laudamuco, señor de ningures, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.