A terceira edición do Delas Fest arranca en Brión

Delas Fest
A colaxista Susana Blasco realizará unha intervención artística e a grafiteira Sax impartirá un obradoiro de spray durante o festival feminista de arte urbana e contextual, que se celebrará no noso concello entre o 28 de xuño e o 4 de xullo.

O primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, o Delas Fest, inaugura a súa terceira edición o vindeiro 28 de xuño en terras do Brión. Desde entón e até o 25 de xullo, diferentes espazos da comarca de Compostela acollerán intervencións artísticas e actividades para todos os públicos orientadas a democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que traballan no espazo público.

Grazas ao apoio económico da Deputación da Coruña, dos concellos de Ames, Brión, Santiago e Teo, dos patrocinios de Montana Colors, Ibersa - El Mundo del Pintor, Gadis, E.nova Enerxía e Fundación Finanzas Éticas así como da colaboración de Cuarto Pexigo, Daveiga e Café Candelas, o proxecto impulsado por 7H Cooperativa Cultural mantén a aposta por construír espazos de creación e experimentación artística desde unha perspectiva feminista e contextual.

Programación en Brión

Este 2021 a encargada de realizar a intervención artística en Brión é Susana Blasco (Zaragoza, 1972), deseñadora gráfica, ilustradora e especialista na técnica da colaxe, por cuxas achegas recibiu o Premio Gràffica en 2017. O traballo da aragonesa, que non puido acompañarnos o pasado ano por motivos de saúde, baséase no emprego de retratos fotográficos antigos, que combina de forma creativa a través de montaxes (ás veces verdadeiros quebracabezas) que posteriormente imprime a mediano ou gran tamaño e pega, como se se tratase de pósters, en espazos públicos. En Brión, Blasco colaborará coa veciñanza na busca e recollida de material fotográfico e historias de vida de mulleres do municipio a través de dous encontros, un virtual e outro presencial, destinados a promover vínculos e diálogos creativos entre a intervención artística e a realidade na que esta se inserirá.

Ademais, Brión acollerá un dos obradoiros de creación incluídos na programación do festival. A grafiteira Silvia Rodríguez Pena “Sax” (Vigo, 1980), unha das artistas máis veteranas de Europa nesta técnica, será a encargada de impartir o taller, que se celebrará o domingo 4 de xullo, de 11 a 14 h. e de 16 a 19 h. no IES de Brión. No obradoiro, destinado a persoas maiores de 15 anos, as participantes aproximaranse ás técnicas básicas do spray pintando, xunto coa artista, unha peza colectiva. As inscricións abriranse nas próximas semanas través dun formulario na web https://7hcoop.gal/

O cartel da terceira edición complétase coas intervencións da muralista e ilustradora Marina Capdevila (Barcelona,1985) en Teo, da artista visual Doa Oa (Sober, 1986) en Ames e da grafiteira e creativa Lily Brick (Lleida, 1990) en Santiago.