A biblioteca municipal recupera a normalidade

Imaxe da entra ao baño adaptado e salas de estudo
Remataron as obras de reforma na biblioteca municipal de Brión. A intervención dota ao centro dun novo baño accesible, elimina un chanzo na entrada do local e repara a cuberta do edificio para evitar filtracións de auga.

Esta semana, a biblioteca municipal de Brión recupera a normalidade no seu funcionamento tras afrontar, durante varias semanas, unha intervención para mellorar as instalación do edificio. Unhas obras que dotaron ao centro dun novo baño adaptado, situado no primeiro andar do edificio, e eliminaron as filtracións de auga na cuberta e un chanzo da entrada que dificultaba o acceso a persoas con mobilidade reducida.

A construción do baño tamén supuxo a modificación das salas de estudo que fican na galería norte da biblioteca. Neste espazo vaise localizar, en breve, unha biblioteca de autor con fins de conservación, ao tempo que se manterán a disposición das persoas usuarias do centro varios postos de estudo e lectura individuais.

Cun investimento total de preto de 50.000 €, a obra recibiu unha subvención para o equipamento e a mellora das instalacións culturais municipais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dotada cun importe de 27.000 €.