Brión e Ames poñen en marcha o novo programa integrado de emprego 2025-2026

Imaxe anuncio do programa
Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do ocio e tempo libre, comercio, almacén, administración e xestión, e turismo.

Os Concellos de Ames e Brión poñen en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego. Dende o mércores, 15 de outubro, está aberto o prazo para solicitar praza no programa integrado de emprego 2025-2026. Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do ocio e tempo libre, comercio, almacén, administración e xestión, e turismo. A edición 2024-2025 rematou o pasado 30 de setembro. Na edición que vén de rematar o 48% dos participantes tiveron un contrato e traballo nalgún momento do programa.

O novo programa integrado de emprego dos concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de outubro de 2025 e outubro de 2026. O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.

Para participar no programa, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego, residir nos concellos de Ames ou Brión e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:

-Persoas menores de 30 anos desempregadas.

-Persoas maiores de 52 anos desempregadas.

-Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI).

-Mulleres desempregadas.

-Persoas desempregadas de longa duración.

-Persoas desempregadas inmigrantes.

Os programas integrados de emprego de Galicia están dirixidos á mellora de ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación desemprego, desenvolvendo de xeito obrigatorio as seguintes accións: información, orientación e asesoramento, formación, técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes, prácticas profesionais non laborais en empresas, en consonancia preferentemente co contido teórico-práctico das accións formativas e obradoiros sobre mobilidade laboral.

Actividades

As persoas participantes formaranse nos sectores do comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, novas tecnoloxías e administración e xestión, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, novas tecnoloxías (informática, Intelixencia Artificial), idiomas (Inglés), hixiene e manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e de comunicación, motivación, marca persoal, etc.

Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que poidan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.).

Ademais poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.

Bolsas e axudas á conciliación

As persoas que formen parte do novo programa integrado de emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 euros/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes para facilitar a asistencia ás actividades do programa.

As actividades impartiranse no Centro de formación e emprego do Concello de Ames, que está situado na rúa Costaneira, número 2, na urbanización de Aldea Nova.

Edición 2024-2025

O pasado 30 de setembro rematou a edición 2024-2025. Na data de finalización estaban a traballar, ou traballaron ao longo do programa, preto do 50% dos participantes.

Durante o programa desenvolvéronse cinco itinerarios formativos de carácter sectorial, nos que se incluían diferentes cursos: actividades para a infancia e a xuventude; actividades de comercio e atención ao público; xestión e organización do almacén; limpeza; turismo e actividades administrativas, acompañados de prácticas non laborais en empresas do concello e a súa contorna.

Os itinerarios completáronse con formación transversal en inglés, manexo de carretilla elevadora, hixiene e manipulación de alimentos e técnicas de primeiros auxilios, entre outros, ademais de toda a formación en habilidades sociolaborais e busca de emprego, así como un amplo catálogo de cursos en liña realizados na plataforma de teleformación do programa.

Formulario de inscrición

As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden cubrir o formulario cos seus datos premendo nesta ligazón. Para ampliar información sobre o programa poden contactar no enderezo de correo electrónico inseramesbrion@gmail.com ou nos teléfonos 608 459 678 (María Lloves) e 663 771 876 (Pablo Bello).