
Gran participación veciñal na dobre actividade organizada polo Concello de Brión esta fin de semana para homenaxear ás cantareiras e á poesía oral no municipio. E iso que o tempo non acompañou e obrigou a trasladar ambos os dous actos a cuberto, polo que tanto o salón de exposicións como, especialmente, o auditorio do centro social polivalente estiveron ateigados de veciños e veciñas de todas as idades.
Así foi na homenaxe ás nosas cantareiras, organizado pola Escola Municipal de Música e Baile Tradicional en colaboración co Concello de Brión. Nela rendéuselle unha merecida homenaxe a Amalia García Manteiga (O Rial) e a Pilar Turnes Turnes (Leboráns) pois foron “as que aprenderon de xeito natural nas súas casas e nos ensinaron a nós”, explicou Ana Fernández, directora da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Brión.
Merecida homenaxe
O alcalde brionés, Pablo Lago, felicitou a todas as cantareiras e pandereteiras presentes no auditorio do polivalente, así como á Real Academia Galega “pola súa pola súa acertada decisión de dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado nas nosas cantareiras e pandereteiras. Recoñezo que moitas veces non teño nin idea de quen é a figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas pero cando se falou de homenaxear á cantareiras, de inmediato viñeron á miña mente varias caras e nomes da miña parroquia. Veciñas que xa non están connosco, veciñas que me alegra ver aquí entre as asistentes e moitas outras que non están hoxe aquí”.
Así mesmo, Lago Sanmartín aproveitou para facer autocrítica xa que “revisando algunhas publicacións do Concello de Brión comprobei que as mulleres, pese a seren figuras centrais na creación, preservación e transmisión da nosa cultura oral, non están destacadas como merecen. Por iso é de xustiza dedicarlle o 17 de Maio á poesía popular oral, porque creo que todos sentimos esa elección como a mellor oportunidade para facerlle ás nosas veciñas o recoñecemento que merecen”.
Pandereteiras
Amalia García e Pilar Turnes sentaron no escenario coas súas pandeiretas e comezaron a contar anécdotas sobre onde cantaban, en que festas, quen participaba...ao tempo que aproveitaron para cantar varias pezas que lles aprenderan as súas nais e avoas. O acto continuou coa participación das mulleres que puxeron en marcha as clases de pandeireta, creadas pola desaparecida Asociación de Mulleres Xuntanza e asumidas un par de anos despois polo Concello de Brión.
Sobre o escenario do polivalente actuaron Adelina Lamas Juncal, Ana Villar Tuñas, Aurora Lamas Juncal, Carmen Vázquez Gómez, Celia Hombre Tosar, Elena Nieto Martínez, Fina Vázquez Barreiro, Mari Carmen Gómez Fernández, María Esperanza Cebro Carrera, Rosa Barbazán Neo e Rosa Lamas Juncal. Antes de interpretaren varias pezas, algunha delas coa participación das propias Amalia García e Pilar Turnes, tiveron unha mención especial “ás tocadoras que xa non están con nós e que tamén nos abriron as súas casas para ensinarnos”, explicou Ana Fernández. Entre estas persoas figuran: Clotilde García Pérez (Mourentáns), Josefa Juncal Barreiro (coñecida como “Josefa de Bastavales”), Lourdes Suárez Nieto (Os Ánxeles), Luz Divina Martínez Otero (Osebe) e Rosa Lago Louzao (O Rubial).
O alcalde de Brión e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, agasallaron ás pandereteiras homenaxeadas cun ramo de flores, antes de interpretaren un derradeiro tema todas xuntas, ao que tamén se sumaron tanto as nenas da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional como algunhas veciñas presentes entre o público. A sesión rematou cun par de pezas interpretadas polas máis pequenas alumnas da Escola brionesa.
Brión, unha historia que contar
Apenas unhas horas antes, xa que a foliada final se estendeu ata ben pasadas as 23:00 horas, tivo lugar na sala municipal de exposicións unha nova edición do ciclo “Brión, unha historia que contar”, un faladoiro sobre folclore e tradición oral moderado pola brionesa Minia del Río Arca e introducido pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e o xestor cultural de Brión, Alberto Álvarez.
A concelleira puxo en valor a importancia de “darlle a visibilidade social que merecen as nosas cantareiras e pandereteiras”, responsables dun movemento “onde as mulleres xogamos un papel central, tanto na creación como na preservación e transmisión da nosa cultura ata os nosos días”.
Neste sentido, Sandy Cebral indicou que “estou convencida de que Luciano, Ana, Natividad e Manuel vanvos falar de todo iso e que rescatarán do anonimato a moitas desas persoas de Brión. Se mo permitides, eu vou dar o primeiro nome, que me pilla preto da casa: Josefa Juncal Barreiro, máis coñecida como “Josefa de Bastavales”, tristemente falecida o ano pasado. Nunha entrevista feita hai xa 25 anos na revista Altamira, cando lle preguntaron por como descubriu esa paixón por tocar, Josefa respondeu: creo que o levo no sangue, porque á miña nai tamén lle encantaba cantar e bailar”.
Finalmente, a concelleira comprometeuse a que “dende a Concellería de Cultura que dirixo, simplemente sinalar que tanto a poesía e a narración oral, como a música tradicional seguirán tendo un papel protagonista na programación cultural do Concello de Brión. Porque é o noso deber como Administración facer todo o posible para conservar o noso patrimonio inmaterial”.
Faladoiro
No faladoiro tomarán parte o veciño e divulgador Luciano Pena Andrade, quen falou dos cantares e tradicións en Brión, así como da figura dun ilustre brionés natural de Lamiño: Lois Tobío Campos, que recompilou gran parte destas cancións e poesía oral do municipio. A investigadora Natividad Rei analizou as letras das cantigas recollidas en Brión e puxo en valor a súa importancia como medio de conservación e transmisión da nosa historia.
Ana Fernández, directora da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Brión, aproveitou para presentar o traballo que están a levar a cabo dende esta entidade; mentres que outra veciña de Brión, Isabel Lesta, presentou algunhas das cantigas que se foron transmitindo na propia Escola durante os últimos trinta anos, que foron interpretadas na foliada final xunto a outras pezas de veciñas como Serafina Mato, Amalia de Guitiande ou Lourdes Suárez de Os Ánxeles. Unha foliada guiada polo cantautor Manoele de Felisa, quen na actualidade está gravando un novo disto en homenaxe ás cantareiras, chamado “Cantos do noso”, no cal publicará algún dos cantares de Brión.