Entroido 2022 en Brión

Entroiso 2022 en Brión
O domingo 6 de marzo Brión recupera a súa tradicional festa do Entroido, con desfile, concurso e baile de disfraces.

Don Carnal regresa a Brión para convidar a toda a cidadanía a celebrar a festa do Entroido. Unha celebración que retorna dun xeito un chisco diferente para celebrarse ao aire libre. Tanto o gran desfile coma o concurso e baile de disfraces con orquestra será no exterior, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

O evento iniciarase ás 16:30 h. coa saída do gran desfile de Entroido dende o Pavillón Municipal en dirección ao Parque de Lamiño, percorrendo unha ruta que discorrerá polo Paseo de Pedrouzos e a Rúa Tarrío. A comitiva contará coa animación musical da charanga Os Celtas.

Rematado o pasacalle, iniciarase o tradicional concurso de disfraces. Os participantes poderán inscribirse nas distintas categorías (individual infantil, xuvenil e adultos, parellas, grupos e comparsas) dende o día 22 de febreiro ata o 4 de marzo. As bases poden consultarse nesta ligazón.

Finalizada a competición, e mentres o xurado se retira a deliberar, comezará o esperado baile de disfraces que estará amenizado pola música do grupo Ritmo.

Como o desenvolvemento da actividade será ao aire libre, en caso de meteoroloxía adversa, o evento cancelarase. Toda a información sobre a festa do Entroido, así como as solicitudes de inscrición para participar nas diferentes categorías do concurso,  atópanse dispoñibles en www.concellodebrion.gal