Julio Fernández e Alberto de Casso reciben el VII Premio Laudamuco para textos teatrais

Imaxe dun dos galardoados, Julio Fernández
O galardón, dotado con 7.000 €, busca impulsar a dramaturxia en lingua galega e por en valor a figura de Roberto Vidal Bolaño, un dos seus máximos representantes.

Os dramaturgos Julio Fernández Peláez (Zamora) e Alberto de Casso Basterrechea (Madrid) foron galardoados co VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais pola súa obra conxunta "Vento mareiro non dá voltas", presentada a concurso baixo o lema “Acacia”. O acto de entrega tivo lugar o pasado venres na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Brión, entidade promotora do certame xunto á Academia Galega de Teatro e a Edicións Positivas.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, destacou que “grazas a este premio xa se crearon máis de 275 obras teatrais en galego, unha cifra que esperamos siga medrando”. O galardón está dotado cunha dotación económica de 7.000 €, ademais da edición da obra e dunha escultura conmemorativa do artista Xosé Vizoso, recentemente falecido.

Durante a súa intervención, Julio Fernández subliñou a complexidade de escribir “a catro mans”, dada a diferenza de estilos entre ambos autores, e reivindicou a escritura como “unha forma de activismo”. Tamén expresou a súa admiración pola lingua galega, un idioma no que non adoita escribir, pero que considera “marabillosa” pola súa forza poética e emocional. Pola súa banda, Alberto de Casso, que non puido asistir ao evento, enviou unha mensaxe na que se mostrou “moi honrado polo premio, e aínda máis ao ver a obra publicada en galego, unha lingua tan antiga e tan nova como o teatro mesmo”.

Teatro comprometido dende o eido local

Na súa intervención, o vicepresidente da Academia Galega de Teatro, Eduardo Alonso, advertiu que o teatro galego vive un momento delicado e que “só recibe apoio real de pequenos municipios como Brión, Vimianzo ou Monforte. Bótase en falta unha resposta contundente por parte de cidades máis grandes como Santiago, A Coruña, Ourense, Lugo ou Pontevedra”.

Pola súa parte, Francisco Macías, director de Edicións Positivas, aproveitou o acto para anunciar a súa xubilación e o seu compromiso futuro coa reivindicación da figura de Roberto Vidal Bolaño: “Editarei unha revista anual, recuperarei a súa páxina web e rematarei a publicación da súa obra completa. Visitarei o arquivo de Vidal Bolaño en Brión para seguir investigando o seu legado”

Un drama íntimo con fondo social

O xurado, composto por Xulio Lago, Nieves Lema, Francisco Oti, Manuel Xestoso e Inma López Silva (como secretaria), escolleu "Vento mareiro non dá voltas" entre 33 textos pola súa sólida estrutura dramatúrxica. Con só dous personaxes, consegue abordar grandes temas actuais como o ecoloxismo, o racismo e o autoritarismo a través dun conflito cotián: a tala dunha acacia no xardín dunha familia acomodada.

O xurado tamén expresou a súa preocupación polo baixo nivel de corrección lingüística de moitos textos presentados, o que dificultou a deliberación.

Os autores

Julio Fernández é doutor pola Universidade de Alcalá e director da compañía "Anómico Teatro". A súa obra, de marcado contido social, foi recoñecida dentro e fóra de España. Entre os seus títulos recentes destacan "A beleza faranos libres", "Inconfesables actos de fascismo ordinario ou "Nonhorizontes."

Alberto de Casso é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidad Complutense. Foi galardoado cos premios Calderón de la Barca, Lope de Vega, Buero Vallejo e Luis Barahona de Soto, entre outros. As súas obras representáronse en Arxentina, Chile, Cuba e España, sendo traducidas a varias linguas.