Luar na Lubre, La Banda de Ayer e as orquestras Finisterre, Olympus e Miramar porán a música á primeira Santa Minia de Interese Turístico de Galicia

Santa Minia 2026
O cartel da festa é obra do artista José Luís Veiras Manteiga, quen toma o relevo de Xosé Vizoso despois de 15 anos

O Concello de Brión vén de presentar a programación dunha nova edición da Romaría de Santa Minia, a primeira tras a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia. Tres días de festa, que terán lugar do venres 25 ao domingo 27 de setembro, onde a música volverá ser un dos seus principais atractivos: cun gran concerto de Luar na Lubre, coa participación de tres das mellores orquestras de Galicia (Finisterre, Olympus e Miramar) e do grupo La Banda de Ayer, que se unirán aos tradicionais atractivos desta festa: misas, polbeiras, fogos de artificio, postos de venda ambulante...

Unha das principais novidades é o cartel da festa, elaborado polo artista José Luís Veiras Manteiga (Compostela, 1949), quen toma así relevo do seu amigo Xosé Vizoso (Mondoñedo 1950-Brión 2025), encargado de ilustrar a Romaría de Santa Minia dende o ano 2010. De feito na edición de 2025, o Concello de Brión, coa aprobación da familia do artista, recuperara unha ilustración de 2006 para utilizada como cartel da Romaría e facerlles así unha derradeira e merecida homenaxe tras o seu pasamento.

Cartel de 2026

“Estou moi honrado porque nunca pensara en tomar este relevo, incluso pensaba que se seguiría pedindo licencia para utilizar outros debuxos de Vizoso”, bromeou o propio artista durante a presentación oficial do cartel realizada hoxe en Brión. Un acto no que estivo acompañado polo alcalde, Pablo Lago, e o xestor cultural de Brión e coordinador da Romaría de Santa Minia, Alberto Álvarez, e que Veiras Manteiga aproveitou para “agradecer a confianza. Xa me dixeron que queren que faga o seguinte... Pois a ver se chegamos a facer tantos como Vizoso, o que significaría que vou vivir outros quince anos máis. Moi agradecido”.

Veiras Manteiga explica que “eu fixen moito cartel e, segundo o tema, escollo un estilo diferente. Neste caso é semellante aos que teño feito de jazz e penso seguir este estilo. Un primeiro plano cos músicos, cos gaiteiros e xente bailando. E detrás poño un edificio ou monumento que identifique a vila. Neste caso, a capela de Santa Minia. E despois a cor é a típica das miñas obras”.

Pablo Lago puxo en valor o traballo de Veiras Manteiga, a quen convidou a visitar a Romaría de Santa Minia “especialmente este ano, que coincide en Domingo o Día Grande e que será a primeira edición como Festa de Interese Turístico de Galicia, polo que se o tempo acompaña agárdase unha gran afluencia de romeiros chegados de todas partes de Galicia”. De feito, o Concello de Brión xa iniciou a semana pasada os traballos para acondicionar os distintos puntos de aparcamento gratuíto dispoñibles na contorna do santuario.

Luar na Lubre

Ao igual que nas dúas últimas edicións, a Carballeira de Santa Minia non acollerá ningunha actividade da programación, xa que o Festival Monecadas trasládase este ano ao centro social polivalente, para maior desfrute do público asistente. A gran novidade deste ano será o espectáculo “Lubre 40 aniversario”, un concerto de 120 minutos co que un dos grupos de folk con maior repercusión en Europa e Latinoamérica está a celebrar o seu corenta aniversario. A actuación terá lugar o domingo 27 de setembro, de 20:00 a 22:00 horas, no espazo habilitado para os concertos.

Nestas catro décadas, Luar na Lubre ten publicado 20 discos, dos que vendeu máis de 350.000 exemplares, e ten ofrecido máis de 2.500 concertos en máis de 60 países. Un tempo no que ten recibido dous Discos de Ouro, 9 Premios da Música e a Medalla Castelao 2025 en recoñecemento á súa exemplar traxectoria na promoción da cultura galega. O grupo fundando na Coruña en 1986 tomará así o relevo de Xosé Manuel Budiño, gran protagonista musical da edición de 2025 dentro da súa xira “Branca vela”.

Programación 2026

A Romaría de Santa Minia abrirá as súas portas o venres 25 de setembro coa primeira das tres sesións do X Festival Monecadas, todas elas ás 17:30 horas e que este ano trasládanse da praza do concello ao centro social polivalente. Unha edición con tres grupos participantes de Galicia e Portugal. A entrada é libre e de balde. Así, o venres 25 abrirá o telón Trécola Teatro de Marionetas, con “As aventuras de Pituquiño”. O sábado 26 será a quenda dos portugueses Compañía Heliodora, co espectáculo “Barbacena”. Finalmente, a compañía galega “Fantoches Baj” porá en escena “Novos lobos” o propio Día de Santa Minia, domingo 27 de setembro.

Tras os monicreques, a praza do Concello acollerá a tradicional actuación das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión, o venres 25 de setembro ás 18:30 horas. Unha hora despois, actuación da artista local Ruth Cundíns, que dará paso ás 21:00 horas a unha gran verbena coas orquestras Finisterre Proyect e Olympus.

O sábado 26 de setembro (Vésperas) a festa arrincará ás 10:00 horas cun pasarrúas da Charanga Os Celtas. A mediodía, tomará o relevo o Grupo de Gaitas Devagarinho, que ás 14:00 horas dará paso á sesión vermú coa Orquestra Suavecito. Pola tarde, despois do Festival Monecadas, pasarrúas co grupo de música tradicional @s Garuleir@s, con verbena a partir das 22:00 horas coa orquestra Suavecito e o Grupo La Banda de Ayer, que ofrece música pop rock dos anos 80, 90 e 2000.

Un ano máis, a queima da fachada será substituída por un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio. Á medianoite terá lugar unha gran tirada de fogos de artificio.

Finalmente, o domingo 27 de setembro amencerá co pasarrúas e concerto do grupo de gaitas “O Pichel”, seguido dun pasarrúas coa Charanga Os Celtas que dará paso á sesión vermú coa Orquestra Miramar. Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional “Tíralle do aire” e concerto da Banda de Música Municipal de Brión, ás 18:00 horas na praza do Concello. Tras o concerto de Luar na Lubre, a Orquestra Miramar pechará a edición de 2026.

Outras actividades

Os tradicionais postos de venda instalaranse na avenida de Santa Minia a partir da tarde do venres 25 de setembro. A previsión é que este ano se instalen entre 100 e 150 postos e casetas de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados... A maiores estarán as polbeiras estarán instaladas a carón da carballeira, vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos.

Así mesmo, manterase o Punto Lila, que funcionará como punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión e tamén como punto de sensibilización e concienciación das persoas asistentes da necesidade de que as festas sexan espazos libres de violencia. Estará operativo os tres días na finca onde se desenvolverán os concertos, na contorna da carballeira e a carón da finca das polbeiras.

Finalmente, no que atinxe aos actos relixiosos, o xoves 17 de setembro dará comezo a Novena de Santa Minia, con misas ás 10:00 e ás 20:00 horas todos os días ata o 25 de setembro. O domingo 20 haberá misas ás 10:00, 12:00 e 20:00 horas. O sábado 26 (Véspera) haberá misas tanto de mañá (10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas). O Día de Santa Minia celebrará a misa solemne ás 13:00 horas. Os demais oficios serán tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas).