O alcalde de Brión e o conselleiro de Educación asinan un convenio para impulsar melloras no IES de Brión e no CEIP de Pedrouzos

Convenio
A Xunta rehabilitará o CEIP de Pedrouzos e cederá un espazo para que o Concello execute una dársena de autobuses. Pola súa banda, o Concello cubrirá os laterais do patio cuberto do IES Brión e a Xunta cederá o seu uso fóra do horario lectivo

A Xunta de Galicia e o Concello de Brión estreitan a súa colaboración para impulsar, de xeito conxunto, a execución de obras de mellora no CEIP Plurilingüe de Pedrouzos e no IES de Brión. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, asinaron esta mañá un convenio marco para levar a cabo unha serie de actuacións nas infraestruturas educativas deste concello, nun acto no que tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o equipo directivo do instituto e colexio brionés.

O titular de Educación do Goberno galego salientou a importancia deste acordo como un exemplo de “colaboración interinstitucional” entre dúas administracións “que redundará en beneficio da comunidade educativa de Brión en particular e no conxunto dos seus cidadáns en xeral”. Román Rodríguez aposta por esta liña de “traballo cooperativo” que permitirá “sacarlle o máximo aproveitamento e rendemento” ás infraestruturas financiadas con recursos públicos, como vai ser o caso do colexio de Pedrouzos e do instituto de Brión.

Pola súa banda, Pablo Lago agradeceu a colaboración do Concello “para que poidamos dar resposta a moitas demandas que a comunidade educativa leva tempo poñendo sobre a mesa como as melloras que precisa o colexio de Pedrouzos, que o ano que vén cumpre 50 anos e ten moitas necesidades, especialmente en canto a mellora da súa eficiencia enerxética ou a ampliación do patio cuberto”. Ademais, agradeceu a cesión do uso do patio cuberto do IES Brión fóra do horario lectivo xa que “en Brión temos moitos nenos e nenas, moitos clubs deportivos e, aínda que estamos ampliando o pavillón municipal, temos necesidade de máis espazos para que poidan utilizar e adestrar en condicións”.

Detalles do acordo

Así pois, no marco deste acordo e froito desta colaboración institucional, o Goberno galego asumirá a redacción e aprobación do proxecto e a execución da obra de rehabilitación e, no seu caso, ampliación do colexio CEIP Plurilingüe de Pedrouzos. Así mesmo, a Xunta comprométese á desafectación do uso educativo dunha franxa de terreo do colexio de 200m² aproximadamente para que o Concello constrúa unha dársena de autobuses que mellore o servizo de transporte do alumnado tanto do colexio como do instituto.

Así mesmo, o Concello de Brión aproveitará a construción desta nova dársena de autobuses para reorganizar o tráfico en toda a zona para mellorar a seguridade viaria e facilitar a circulación no so dos escolares, senón tamén das persoas usuarias das instalacións deportivas emprazadas na zona, como son o polideportivo municipal e a piscina cuberta climatizada. Trátase dun proxecto duns 700.000 euros de investimento que permitirá a construción dunha beirarrúa de 4 mechos de ancho a carón da parada dos buses, que estarán baixo unha pérgola para que a rapazada non se molle en caso de choiva. Ademais, cambiarase a actual zona de aparcamento para ofrecer así máis prazas e facilitar a circulación na zona, ademais de instalar novo mobiliario urbano na zona (bancos e papeleiras).

Finalmente, no que atinxe ao IES de Brión, o Concello comprométese á redacción do proxecto e á execución da obra de cubrición dos laterais do patio cuberto, mentres que a Xunta facilitará o uso compartido de dito patio por parte da administración local fóra do horario lectivo. As condicións deste uso compartido quedarán plasmadas nun futuro acordo entre a Dirección Territorial da Consellería na Coruña e o Concello de Brión.