O artista Fernando Yáñez González, veciño de Brión, vén de doarlle ao Concello de Brión un retrato de Xosé Vizoso, prestixioso ilustrador, deseñador e ceramista finado en febreiro de 2025, e que dende hoxe está emprazado na entrada da casa consistorial brionesa. “O emprazamento é perfecto, todo o mundo que entre no Concello vai podelo ver e recordar”, sinala Fernando Yáñez, que fixo entrega do cadro ao alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín.
Un acto ao que asistiron tamén as concelleiras de Cultura, Sandy Cebral, e Servizos Sociais, Rosa Martínez; así como o concelleiro de Obras, Antonio Vidal, e o xestor cultural de Brión, Alberto Álvarez. Yáñez González explica que a escolla de Xosé Vizoso como inspiración radica en que “Eu tiven a sorte de coñecelo, estar na súa casa, axudoume a nivel persoal e decátaste que é unha personalidade que é historia viva de Brión, de Galicia. É unha maneira de darlle unha homenaxe nunha época onde a Intelixencia Artificial está como en auxe, hai que darlle valor ás persoas, á creatividade e á arte dunha persoa como Vizoso. E Vizoso é un crack. E temos que recordalo sempre a el e ao seu traballo”.
Agradecemento
Un punto ao que se sumou Pablo Lago, quen lembrou que “Vizoso era unha persoa comprometida coa cultura galega en xeral e coa de Brión en particular. Un gran artista, e mellor persoa, que será o primeiro Fillo Adoptivo de Brión, unha vez que estea aprobado o Regulamento de Títulos, Honras e Distincións”. Así mesmo, agradeceu a doazón realizada por Fernando Yáñez, “quen xa ten colaborado con Brión coa elaboración dun mural solidario de Rosalía na piscina municipal de Bastavales ou coa doazón dunha imaxe de Santa Minia realizada cunha técnica moi semellante a esta”.
Para a execución da obra, Fernando Yáñez empregou unha técnica “inspirada nun artista chinés, Yan Pei-Ming, que me gusta especialmente porque é unha pintura moi rápida e moi directa. Entón seguindo a súa liña de traballo eu esbózoo un pouco antes e logo actúo cun pau cun pincel e unha brocha. E é unha pintura que é moi rápida en execución, chorrea a pintura. E esas marcas vense na pintura”.
Fernando Yáñez González (Lugo, 1978) é un coñecido pintor e muralista residente en Brión que utiliza a arte como vía para loitar contra a enfermidade de Dent, que afecta ao seu fillo maior Hugo. Fundador da entidade Art for Dent, que traballa a prol da investigación desta enfermidade, ten realizado numerosos murais de forma solidaria por toda a xeografía galega: Padrón, Lugo, Santiago, Ames, Negreira e Brión, onde o pasado mes de febreiro doou un retrato de Santa Minia ao santuario brionés.