O Concello de Brión distinguido cun dos premios PEL da Deputación da Coruña

O alcalde de Brión recibe o galardón da man do presidente da Deputación da Coruña
Unha distinción que recoñece as medidas implantadas a favor do fomento da iniciativa empresarial e o emprendemento.

O Concello de Brión acaba de ser distinguido nos premios PEL, uns galardóns promovidos pola Deputación da Coruña cos que a institución provincial recoñece cada ano ás mellores empresas da provincia, as iniciativas de asociacións empresariais e concellos en materia de emprego e aposta polo desenvolvemento económico.

Na categoría destinada ao concello promotor do emprego de calidade o galardón foi para o Concello de Brión, polas medidas implantadas a favor do fomento da iniciativa empresarial e o emprendemento, como a posta en marcha da cooperativa de transformación de produtos do agro Daquí Darredor e a súa contribución á fixación da poboación, especialmente da mocidade, e por todos os proxectos levados a cabo desde os diferentes departamentos co fin de mellorar as oportunidades e a calidade de vida da súa veciñanza.

O premio foi recollido polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, que o recibiu de  mans do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, nun acto celebrado en Oleiros, e que estivo conducido polo popular presentador Brais Doval, e contou coa asistencia do vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane e o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos representantes do mundo empresarial da provincia da Coruña.

Ademais do Concello de Brión, este ano tamén foron distinguidas a empresa Albarari SL , Galchimia,  Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA) , Bionix Supply Chain Technologies,  e a xornalista de El País, Sonia Vizoso.