O Concello de Brión e a Deputación asinan un convenio para cofinanciar a ampliación do pavillón municipal de Pedrouzos

Sinatura convenio ampliación pavillón
Suporá a construción dun inmoble de 648 metros cadrados que poderá ser empregado tanto para competicións deportivas como para encontros culturais e sociais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, asinaron un convenio polo que a entidade provincial achegará 150.000 euros para realizar as obras de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos, nun acto no que tamén estivo presente o deputado de Contratación Xosé Penas.

Este proxecto conta cun orzamento total de 540.346 euros, dos que a entidade provincial achega o 28 % da financiación.

As obras consisten no mantemento do actual pavillón municipal, incluíndo un novo inmoble no seu lateral, cara o CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión, que conta cunha superficie de 648 metros cadrados. Un espazo multiúsos que poderá ser empregado polo Concello de Brión como sede de competicións deportivas ou para acoller encontros culturais e sociais de calquera tipo, tales como concertos e exposicións. Ademais, o novo inmoble servirá de apoio ao colexio e ao instituto, ao poder acoller actividades extraescolares ou calquera outra que precisen. Todo, nun edificio sen ningún tipo de barreiras arquitectónicas.

A nova instalación será unha mestura entre unha estrutura de formigón de elementos prefabricados e unha construción metálica anexa. O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e unhas condicións axeitadas para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva.

O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso entre o actual polideportivo e a nova ampliación. Cunha superficie duns 130 m2, protexerá das inclemencias meteorolóxicas ás persoas usuarias desta instalación, tanto á hora do seu acceso como no tempo de agarda para a súa volta á casa. As obras contan cun prazo de execución de 12 meses.

Con esta actuación, mellorarase a dotación de instalacións deportivas e culturais do Concello de Brión, podendo aumentar así a súa oferta de eventos durante todo o ano.