
O alcalde de Brión, Pablo Lago, e o concelleiro de Obras, José Antonio Vidal, visitaron a zona para comprobaren a correcta execución das obras, onde a empresa adxudicataria está a rematar o pintado da sinalización horizontal e as liñas de borde do viario.
“Trátase dunha estada moi transitada”, explica José Antonio Vidal, “e non so polos veciños e veciñas de Liñares senón por moitos máis, xa que une a avenida de Santa Minia (AC-451) coa estrada da Deputación (DP-1301), que comunica coas aldeas da parte alta do municipio”. Durante a súa visita, alcalde e concelleiro comprobaron a boa execución dos traballos, en especial os accesos ás vivendas a pe de estrada.
As obras incluíron o arranxo de fochancas e a mellora dos 880 metros da estrada, de 5,5 metros de ancho, con cinco centímetros de aglomerado en quente. A maiores, colocouse unha varanda modular de 16 metros para mellorar a seguridade viaria. O alcalde brionés sinala que “nestes momentos temos en marcha máis dunha ducia de obras por todo o municipio e seguimos traballando para chegar ao maior número de aldeas o antes posible”.