
O Delas Fest, festival feminista de arte urbana contextual pioneiro en Europa, vén de presentar o cartel da súa sétima edición. Un acto no que participaron representantes dos tres concellos organizadoras (Santiago, Brión e Negreira), xunto coa cooperativa 7H, promotora do festival, e a Deputación da Coruña, que apoian esta iniciativa cultural con perspectiva de xénero.
Esta edición do Delas Fest contará con catro novas intervencións murais a cargo das artistas María Peña-Mapecoo (Oviedo), Hanna Lucatelli (Sao Paolo), Galleta María (Valencia) e Tamara Baz (A Guarda). Os murais executaranse entre o 10 e o 16 de xullo en Santiago de Compostela, e do 17 ao 24 nos concellos de Brión e Negreira. As artistas mergullaranse nas historias e identidade dos barrios a través de encontros coa veciñanza, como o celebrado o pasado 30 de xuño na escola infantil de Sabaxáns. Unhas xuntanzas que permitirán elaborar os bosquexos das obras, que serán presentados publicamente antes do inicio das intervencións.
A metodoloxía participativa do festival reflicte a vontade de 7H Cooperativa Cultural por recoñecer e visibilizar os saberes das mulleres e a memoria local. Un ano máis, a veciñanza xoga un papel central ofrecendo os seus muros a través da convocatoria Muros en Man Común, facendo do Delas Fest unha experiencia colectiva, transformadora e comprometida.
Na presentación do Delas Fest participaron Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural de Santiago; M. Ángel Leis, alcalde de Negreira; Sandy Cebral, concelleira de Cultura de Brión; Clara R. Cordeiro, en representación de 7H Cooperativa Cultural; e Xosé Luís Penas, deputado provincial de Contratación e Patrimonio.