O goberno de Brión acada o compromiso de Naturgy para a revisión das redes eléctricas que alimentan ao municipio

Reunion UFD
O alcalde Pablo Lago, ven de manter unha xuntanza cos responsables de UFG Naturgy onde se acordaron melloras significativas para o noso concello

No pasado mes de xaneiro o alcalde, Pablo Lago, enviaba unha carta á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e á empresa Naturgy queixándose polos graves prexuízos que os continuos cortes de subministro eléctrico causan na veciñanza. A decisión de enviar esta misiva veu motivada pola situación anacrónica do abastecemento eléctrico no municipio, que tivo a súa culminación nos cortes de subministro producidos o pasado 31 de decembro.

Pablo Lago sinalaba daquela que “dende hai varios meses prodúcense cortes intermitentes de subministro eléctrico en varias parroquias de Brión. Son cortes continuados e de distinta duración que impiden que a xente poida teletraballar ou estudar dende as súas vivendas, ademais de poder danar os electrodomésticos e equipos informáticos das vivendas e empresas do municipio”.

Pois ben, aínda que a Xunta de Galicia non se manifestou polo de agora, a empresa Naturgy solicitou con urxencia unha reunión co alcalde que se materializou no día de onte.

Pablo Lago reuníase na alcaldía con Emilio Castro, delegado de Coruña, e Fernando Fernández, responsable do centro de Santiago, de UFG grupo Naturgy para trasladarlles a "necesidade de efectuar melloras en distintos núcleos do concello" e solicitoulles "a súa máxima implicación na defensa dos dereitos das persoas usuarias pois dende UFD xestionan un servizo básico e esencial para a veciñanza de Brión".

Pola súa parte, o delegado de UFD na Coruña, adquiriu o "compromiso para impulsar a calidade e fiabilidade do servizo en Brión". E indicou que "a distribuidora revisará as redes que alimentan ao concello e lanzará un paquete de medidas para mellorar os servizos aos veciños e veciñas". Entre estas actuacións está prevista a posta en marcha dun ambicioso plan de xestión da biomasa xa que moitos dos fallos na rede veñen motivados polo insuficiente mantemento das mesmas pois a lei solo esixe xestionar unha franxa de 5 metros arredor das linas de distribución e en moitos casos é preciso que esta distancia sexa maior.