
O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación do IV festival solidario Fest For Dent, organizado pola entidade Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent), Culturactiva, o restaurante Onde Keiras e o café bar O Novo Faro. Unha iniciativa na que colaboran os Concellos de Ames e Brión e Xuntanza de Empresarios de Ames e que terá lugar parque do Ameneiral (Bertamiráns) o sábado 21 de xuño, a partir das 17:00 horas. Para aquelas persoas que non poidan asistir ao festival e queiran colaborar existe unha Fila 0.
Na presentación do festival estiveron Blas García, alcalde de Ames; Pablo Lago, alcalde de Brión; María Castelao e Fernando Yáñez, cofundadores de Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent); Ramón Cordido, presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA); e representantes dos establecementos hostaleiros e entidades que colaboran en dito festival.
Cambio de escenario
María Castelao, cofundadora de Art for Dent, dixo que “levábamos tres anos facendo en Brión, pero este ano debido ao estado da Carballeira de Santa Minia decidimos facelo en Bertamiráns. Haberá actuacións de música e de maxia, animación infantil, sortes de premios, etc. O festival comezará ás 17.00h e desenvolverase ata media noite. Agradecemos moito a participación solidaria porque ningún dos grupos e artistas cobra nada. O que se recade coas cantinas e rifas irá para a investigación da enfermidade de Dent”.
Ademais, María Castelao explicou “non se cobra entrada, as persoas que asistan poderán colaborar tomando unha consumición na cantina ou mercando as rifas que xa están á venda en distintos establecementos de Ames e Brión. Deste xeito, haberá varios sorteos ao longo da tarde durante o transcurso do festival. Teño que darlle as gracias a Xuntanza de Empresarios de Ames; Parrillada Milongas; Asador Abelleira, de Brión; Mesón Vaca Vella; Pizzería Sicilia in Bocca; Brión Dental; e Mesquiteira, polos premios que doaron e que serán sorteados no festival. Tamén teño que agradecer ao café bar O Novo Faro e ao restaurante Onde Keiras, que se van encargar de prestar o servizo de cantina no festival”.
Pola súa banda, o alcalde de Brión, Pablo Lago, amosou “o compromiso do Concello de Brión con esta causa. Darvos a gracias a todos os que colaborades con este festival, porque só sentimos a necesidade de axudar en este tipo de causas cando nos toca na nosa pel, co cal hai que agradecer o traballo da asociación Art for Dent, en concreto de María e Fernando, porque lles tocou na súa familia. Tamén é de agradecer que todos os que empatizamos con esta causa nos involucremos, porque podería ser a nosa causa calquera día. É moi importante o traballo que se está facendo para traballar na investigación da enfermidade de Dent. Brión seguirá apoiando esta causa e sempre estará ao voso lado”.
Finalmente, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o 21 de xuño vai a ser o día da solidariedade na Maía, onde os Concellos de Ames e Brión nos unimos para colaborar coa asociación Art for Dent para celebrar este festival. A solidariedade non ten fronteiras, non ten límites municipais, e isto é un exemplo que damos os dous Concellos. É unha xornada moi completa, que xa comezou coa actuación de Abraham Cupeiro o pasado día 30 de maio, e que remata con este festival do sábado 21 de xuño no Ameneiral. Fago un chamamento á veciñanza de Ames para que participe do xeito que queira, hai moitas opcións para contribuír nesta causa tan importante”.
Programación do festival
Este ano o festival conta coa actuación de Paco Nogueiras, o Mago Iván, Tambukada, Son Elas, Retranqueiriños, Mary Iglesias, As Maianas, e Dos Hombres y Tercio. A entrada para este festival é de balde e estará presentado por Leti da Taberna. Durante o festival realizarase un gran mural colaborativo en directo con Llou Insidias (artista plástica) e haberá actividades para nenos/as, de 17.00 a 20.30 horas, gracias á colaboración da empresa Biosbardos Animación.
Haberá cantina con comida e bebida gracias á colaboración do restaurante Onde Keiras e do café bar O Novo Faro. Tamén está á venda rifas solidarias a 2 euros nos establecementos colaboradores e o propio día do festival. Sortearanse 7 premios doados polos establecementos hostaleiros: Parrillada Milongas; Asador Abelleira (Brión); Mesón Vaca Vella; Pizzería Sicilia in Bocca; Mesquiteira; Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA); e Brión Dental. Os sorteos terán lugar ese mesmo día a partir das 20.00 horas, en dúas quendas, ata atopar un premiado presente.
Berta Tapeo solidario
Por outra banda, este ano ponse en marcha por primeira vez unha nova iniciativa solidaria denominada “Berta Tapeo solidario”. Vaise a desenvolver do 13 ao 20 de xuño en 4 establecementos de Bertamiráns (Onde Keiras, Street Garden, Sicilia in Bocca, e Petiscos). Estes catro establecementos hostaleiros terán unha tapa solidaria cada un, que terá un custo de 2,50 euros. O diñeiro recadado entre a clientela será destinado a apoiar a investigación da enfermidade de Dent. O horario no que se poderá degustar as tapas solidarias será de 12.30 a 14.30 e de 20.30 a 22.00 horas. Ademais, nesta edición contouse cun concerto a cargo de Abraham Cupeiro o pasado venres 30 de maio, no que se recadaron 4.500 euros.
Homenaxe a Vizoso
María Castelao tamén quixo render unha homenaxe ao artista gráfico Xosé Vizoso. “Este ano é a cuarta edición. No 2024 houbo un paréntese no festival por causas persoais, e o cartel é o mesmo, sigue tendo a mesma imaxe que no 2023. Vizoso foi unha persoa moi solidaria con nós. Este ano xa falara con el para facer o cartel desta edición, pero non puido ser, entón é unha homenaxe a el, manter este cartel. A nosa asociación está moi vinculada á arte e naceu dun tema artístico, entón, agradecerlle a Vizoso que seguramente nos este escoitando, que grazas pola súa imaxe, e que grazas a todos os que colaboran de maneira solidaria sen ningún tipo de compensación”.
A Asociación Galega da enfermidade de Dent ten en marcha varias iniciativas para recadar fondos para seguir investigando a enfermidade de Dent. Na páxina web de Art for Dent pódese atopar información detallada sobre as diferentes vías de colaboración que existen: faite socio/a; facer unha doazón económica, e mercar produtos solidarios. A Asociación naceu en maio de 2021, a iniciativa dun grupo de familias galegas con nenos afectados pola enfermidade de Dent. A investigación desta enfermidade realízase no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, a través do Nefrochus (Laboratorio de Xenética de Enfermidades Renais).