Unha nova edición do Festival Folclórico de Brión, e xa van once, vén de pechar un ano cheo de actividades nas Escolas de Música e Baile Tradicional de Brión. Unhas iniciativas dirixidas a salvagardar, promover e difundir o patrimonio cultural inmaterial brionés, ao tempo que fomentan a súa difusión entre a veciñanza e o intercambio cultural con outra agrupacións, nesta ocasión coas Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois.
Once anos xa dende aquela primeira actuación que tivo lugar no ano 2014 na praza do Concello, un lugar máis amplo quizais pero tamén con menos encanto ca contorna do Palco da Música, a carón da carballeira de Santa Minia. Un escenario ideal, que congregou a moitas persoas amantes da música e o baile tradicional galego, e sobre o cal quedou ben claro por que estamos a falar da escola cultural máis grande e activa do Concello de Brión. Non en van, podemos asegurar que nos seus máis de 35 anos de vida teñen pasado por esta escola gran parte da veciñanza de Brión, dende os 3 anos en diante.
O Festival Folclórico puxo o punto e final a uns días de moita actividade, despois da participación no acto de clausura das Escolas Deportivas e Culturais Municipais do Concello de Brión, e abriu as portas a unhas merecidas vacacións de verán. Iso si, cun ollo xa posto no mes de setembro, onde as Escolas de Música e Baile Tradicional de Brión volverán con azos renovados para seren protagonistas dunha Romaría Santa Minia que promete ser histórica: pois será a primeira edición como Festa de Interese Turístico de Galicia e, a maiores, o Día Grande coincidirá en domingo.