Todo listo para a XI Andaina Terras de Altamira

X ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA
A Terras de Altamira é unha das adainas máis arraigadas da bisbarra.

O sendeirismo, as andainas, convertéronse no mellor impulso ao exercicio físico da veciñanza. Axuda as paraxes que temos na bisbarra e a colaboración dos concellos para que todo discorra do mellor xeito posible.

A Andaina Terras de Altamira chegará á súa décimo primeira edición o vindeiro 23 de maio. É unha cita xa consolidada no calendario galego do sendeirismo e que volverá reunir centos de participantes arredor do deporte, da natureza e da convivencia.

Esta nova edición volverá ser proba oficial da Federación Galega de Montañismo, integrada na Liga Galega de Andainas e na Liga Ibérica de Sendeirismo.

A proba manterá o formato das últimas edicións, con tres distancias de 16, 33 e 50 quilómetros, co obxectivo de adaptarse a distintos niveis de esixencia física e seguir promovendo unha práctica deportiva aberta, participativa e non competitiva.

A saída será conxunta para todas as modalidades e o percorrido conservará o formato en liña que caracteriza esta cita, nunha xornada pensada para combinar deporte, convivencia e posta en valor da contorna natural e patrimonial de Brión.

A Andaina Terras de Altamira chega a esta undécima edición avalada por unha traxectoria que a sitúa como a proba máis multitudinaria da Liga de Andainas. Na anterior edición superouse a cifra simbólica das 1.000 persoas participantes, un récord para a proba e unha mostra da dimensión que foi gañando ano tras ano.

Brión consolidouse así como un punto de encontro de referencia para o sendeirismo galego, capaz de mobilizar centos de persoas arredor dun mesmo reto e de converter camiños, montes e aldeas nun espazo compartido de esforzo, compañeirismo e orgullo de territorio.

A organización traballa xa nunha nova edición que busca reforzar o valor deportivo e social dunha proba convertida tamén nun escaparate do territorio brionés. Para iso, porá á disposición das persoas participantes unha ampla cobertura de servizos, entre eles bolsa do sendeirista, avituallamentos sólidos e líquidos, seguro de accidentes e responsabilidade civil, servizo médico e ambulancia, así como duchas, piscina cuberta e diploma e medalla de finalista.

As inscricións estarán abertas do 15 de marzo ao 20 de maio a través da páxina web oficial da proba (www.andainaterrasdealtamira.org), onde tamén se poderá consultar toda a información relativa ás bases, percorridos, horarios e recomendacións prácticas.

PRESENTACIÓN OFICIAL

Como antesala desta undécima edición, este venres 13 de marzo celebrarase a gala de presentación no Centro Social Polivalente do Concello de Brión. O acto comezará ás 20:30 horas, estará conducido por Federico Pérez, padriño da proba, actor e humorista galego cunha ampla traxectoria en televisión, cine e teatro; e servirá para dar a coñecer os detalles da mesma e algunhas das novidades desta nova edición.