
Hoxe celebrouse no Centro Social Polivalete a primeira representación dun novo programa de Teatro Profesional impulsado polo Departamento de Cultura do Concello de Brión, unha iniciativa que busca achegar as artes escénicas ao alumnado de Brión e fomentar o gusto polo teatro entre os máis novos.
A sesión inaugural estivo a cargo da compañía arxentina El Vacío Fértil, que presentou a obra “El virus de la violencia”, unha proposta intensa e comprometida que convida á reflexión sobre as dinámicas sociais e persoais que xeran situacións de conflito.
Este ciclo teatral continuará ao longo dos meses de outubro e novembro, cunha programación variada e de calidade que permitirá aos estudantes gozar de diferentes estilos, linguaxes e temáticas teatrais.
Programa:
Venres, 17 de outubro:
“Iphixenia na porta do súper”, da Compañía Humana
Venres, 24 de outubro:
“O proceso”, de Malasombra Producións
Venres, 7 de novembro:
“Made in Galiza”, de Sarabela Teatro
Venres, 21 de novembro:
“Sophie non é o meu nome de guerra”, de Redrum Teatro
Todas as representacións celebraranse en horario escolar e estarán destinadas exclusivamente ao alumnado do IES de Brión.
Con esta programación, o Concello de Brión reafirma o seu compromiso coa difusión cultural entre as novas xeracións, apostando polo xénero teatral como medio de transmisión de valores sociais que contribúan ao desenvolvemento persoal e cultural da mocidade.