
O campo municipal de Brión acolleu o pasado 28 de xuño a fase final do I Circuíto de Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña. Un torneo no que participaron máis de 300 nenos e nenas de entre 10 e 13 anos de toda a provincia pero dos que só os 16 mellores equipos tomaron parte na fase final de Brión, tras os clasificatorios celebrados en Carballo e Ordes.
Un torneo onde o equipo do Club Baloncesto Gadea proclamouse subcampión da Categoría Minibasket, polo que levou un premio de 200 euros en vales para a compra de material deportivo en establecementos da provincia. Ademais, a rapazada recibiu tamén o seu correspondente trofeo e cadansúa medalla.
Uns premios que foron entregados polo alcalde de Brión, Pablo Lago, quen estivo acompañado polo deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, e o concelleiro de Deportes brionés, Carlos Noya. Lago Sanmartín amosouse moi satisfeito por ter participado nunha iniciativa “para promover a práctica deportiva entre os máis novos e tamén por levar á rúa un deporte que naceu nela, como é o baloncesto”. Un punto no que incidiu Leira xa que “fomentar o deporte de base é unha parte fundamental da nosa filosofía, porque aí é onde está o xerme de deporte”.