Medio cento de maiores brioneses viaxan a Ribadavia co programa Xornadas de Verán

Ribadavia
"Pasárono moi ben", apunta a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero

Medio cento de veciños e veciñas de Brión, de sesenta ou máis anos, participaron onte mércores na primeira das catro excursións organizadas polo Concello de Brión dentro do seu programa “Xornadas de Verán”. Unha saída que os levou ata Ribadavia, vila que percorreron da man dunha guía para despois achegarse por unha adega, por onde fixeron tamén unha visita guiada e unha pequena degustación de viños do Ribeiro. Tras xantar no balneario de Laias, a expedición dirixiuse ata O Carballiño, antes de emprender a volta a Brión.

"Pasárono moi ben", apunta a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, quen os acompañou nesta viaxe, "a próxima cita será Mondoñedo, o martes 15 de xullo, e despois volveremos con outro medio cento de persoas tanto a Ribadavia como a Mondoñedo", o martes 22 de xullo e o mércores 30 de xullo, respectivamente. A concelleira explica que esta repetición de destinos "débese a que así o pediron os propios maiores xa que o ano pasado tiñan que elixir dúas viaxes entre catro diferentes, polo que sempre quedaban coas gañas de ir a algún destino. Deste xeito, só teñen que elixir a quenda que prefiran".

A próxima excursión das "Xornadas de Verán" terá lugar o próximo martes 15 de xullo e o destino será a vila de Mondoñedo, con visita guiada á catedral e ao Museo da Imprenta... almorzo en Ribadeo e percorrido guiado por esta vila indiana durante a tarde.