A Xunta concede a Brión 500.000 euros para a mellora integral do acceso aos complexos Deportivo Municipais de Pedrouzos

Darsena
Este proxecto conta cun investimento previsto de 1,19 millóns de euros e permitirá renovar o campo de fútbol, reordenar os accesos ao complexo deportivo e educativo, crear novas zonas de aparcamento e mellorar a seguridade e a accesibilidade peonil.

O Concello de Brión vén de recibir a concesión dunha achega de 500.000 euros da Xunta de Galicia para executar o proxecto denominado Mellora e acondicionamento do Complexo Deportivo Municipal de Pedrouzos. A subvención concédese ao abeiro da liña do Fondo de Cooperación Local destinada a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico correspondente a 2026.

A actuación prevista polo Concello conta cun orzamento total de 1.192.986,03 euros, IVE incluído, e abrangue dous ámbitos principais: a reordenación e mellora dos accesos ao complexo deportivo e educativo de Pedrouzos e a renovación integral do campo de fútbol  municipal de herba artificial.

Mellora dos accesos e nova zona de aparcamento

O proxecto permitirá transformar o acceso ao pavillón municipal, á piscina, ás pistas deportivas, ao CEIP de Pedrouzos e ao IES de Brión. Na actualidade existen pavimentos deteriorados, zonas de estacionamento sen pavimentar, beirarrúas que precisan ser adaptadas á normativa de accesibilidade e un espazo de parada dos autobuses que comparte ámbito co tránsito peonil.

A intervención contempla a renovación do firme do viario, a creación dunha nova zona de estacionamento e o acondicionamento do aparcadoiro existente. A nova ordenación prevé a sinalización de 46 prazas de aparcamento, dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Executaranse tamén novas beirarrúas cun ancho mínimo de 2,50 metros, itinerarios peonís accesibles e novos elementos de protección e seguridade.

Unha das actuacións máis relevantes será a construción dunha dársena cuberta para os autobuses, separada do tráfico peonil. A cuberta prolongarase polo viario de acceso, cun tramo de 3,50 metros de ancho, para facilitar os desprazamentos a pé entre a zona de estacionamento e os accesos aos centros educativos protexidos da chuvia.

A obra completarase coa renovación da rede de alumeado público, mediante canalización soterrada, novas columnas con luminarias LED e proxectores na zona da dársena, ademais de nova sinalización horizontal e vertical, varanda de protección peonil, cinco bancos e dez papeleiras.

Renovación integral do campo de fútbol municipal

O segundo gran ámbito de actuación será o campo de fútbol de Pedrouzos, que presenta un importante desgaste debido ao uso continuado e ao paso do tempo.

O proxecto contempla a retirada do céspede actual e a instalación dun novo céspede artificial de última xeración, de 40 milímetros de altura sobre unha nova subbase elástica.

Renovarase tamén completamente a canaleta de drenaxe perimetral e substituirase o actual sistema de rega por seis novos canóns de impacto emerxentes, eliminando os elementos que actualmente permanecen en superficie e mellorando a seguridade e a eficiencia no consumo de auga.

Estas actuacións permitirán mellorar as condicións de uso do campo tanto para os clubs locais como para as escolas deportivas municipais, competicións e demais persoas usuarias da instalación.

Un complexo utilizado por milleiros de persoas

A actuación abrangue unha das zonas con maior concentración de servizos públicos de Brión. O complexo reúne o campo de fútbol, o pavillón municipal, a piscina e as pistas deportivas e está situado a escasos metros do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión.

Segundo os datos incorporados ao proxecto, preto de 1.000 estudantes utilizan semanalmente esta contorna educativa e deportiva, aos que se suman aproximadamente 1.800 persoas vinculadas aos clubs, escolas deportivas e á piscina municipal. Ademais, os dous centros educativos precisan diariamente 18 autobuses para o transporte do alumnado.

A mellora dos accesos, a separación entre o tráfico peonil e os autobuses, a creación de novos espazos de estacionamento e a adaptación dos itinerarios ás condicións de accesibilidade buscan dar resposta ao uso intensivo que concentra esta zona de Pedrouzos.

A Xunta de Galicia resolveu o 19 de agosto a convocatoria de 2026 desta liña de apoio, que distribúe 10 millóns de euros entre 26 proxectos municipais de carácter estratéxico en Galicia. Na provincia da Coruña resultaron beneficiarias dez actuacións, cunha achega conxunta superior aos 3,7 millóns de euros. No caso de Brión, a subvención concedida alcanza o importe máximo de 500.000 euros.

Este proxecto municipal establece un prazo previsto de execución das obras de seis meses.