O Concello de Brión resultou beneficiario dunha subvención de 15.000 euros para a adquisición de equipamentos destinados a un novo punto limpo móbil, concedida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, ao abeiro da Orde do 15 de xaneiro de 2026.
A axuda forma parte da liña 6 do programa de subvencións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos municipais. A actuación conta cun orzamento total de 15.450 euros, dos cales 15.000 euros corresponden ao importe subvencionable, financiado nun 60 % pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e nun 40 % pola Xunta de Galicia.
Un novo equipamento para achegar a reciclaxe á veciñanza
O proxecto contempla a incorporación dunha nova unidade móbil, de menor tamaño e maior manobrabilidade, que permitirá acceder a vías estreitas, aldeas e núcleos rurais onde os equipamentos de maiores dimensións atopan dificultades.
Este novo punto limpo complementará o servizo municipal existente desde outubro de 2025, co obxectivo de ampliar a cobertura territorial e facilitar á veciñanza a entrega de residuos que non deben depositarse nos colectores convencionais.
A unidade estará preparada para a recollida diferenciada de nove tipos de residuos:
-
Pequenos equipos informáticos e de telecomunicacións.
-
Pequenos electrodomésticos.
-
Envases contaminados e aerosois.
-
Xoguetes e outros plásticos.
-
Lámpadas e fluorescentes.
-
Pilas e baterías.
-
Tóner e cartuchos de impresora.
-
Cápsulas de café.
-
CD e DVD.
O proxecto inclúe tamén formación específica para o persoal encargado do servizo, co fin de garantir a correcta manipulación, almacenamento e entrega dos residuos a xestores autorizados.
Con esta actuación, o Concello de Brión busca facilitar a separación e reciclaxe de residuos especiais, mellorar o acceso ao servizo nas distintas parroquias e reducir os vertidos incontrolados.
Financiamento da actuación
Operación: Adquisición de equipamentos para Punto Limpo Móbil do Concello de Brión.
Procedemento: MT975X.
Orzamento total: 15.450,00 €.
Subvención concedida: 15.000,00 €.
Financiamento:
-
Unión Europea, programa Galicia FEDER 2021-2027 (60 %): 9.000,00 €.
-
Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (40 %): 6.000,00 €.
Actuación cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027.
