25-11-2023
     
20:00 h.
Centro Social Polivalente de Brión

OUTONO CULTURAL 2023 | TEATRO | A. C. O XEITO - ÁM@TE

A Asociación Cultural O Xeito  presenta en Brión a obra "Ám@te"

Xénero: Drama | Público adulto
Dirección: Xosé Taxes Freire

Data: sábado, 25 de novembro
Hora: 20:00 h.
Lugar: Centro Social Polivalente

SINOPSE:

As feridas do corazón non cicatrizan nunca.

Ante esta obra o grupo de teatro da asociación O Xeito reflexiona e interpreta a nosa realidade. Deste xeito, din, esta vella arte convértese no espello que pretendía Pirandello: “Se se puxese o ser humano ante un espello e observase como vive, suicidaríase ou morrería de risa”.

Tras o desacougante inicio da peza Ám@te, cunha ladaíña de expresións comunmente coñecidas (e tantas veces aceptadas), eses tópicos que perpetúan a violencia machista, a compañía declara a súa pretensión: que repensemos o que estamos a facer para finalizar esta traxedia social.

Nun mundo tan hipercomunicado que leva á máis absoluta incomunicación, os golpes, os berros, as humillacións derivan en feridas que non cicatrizan, mais as súas causas poden ser denunciadas a través do humor, que é unha das poucas armas pacificadoras. En Ám@te o humor preséntase como válvula de escape, non como frivolidade. Atopamos aquí situacións tan comunmente coñecidas que adoitamos esquecer, por veces forzosamente (para que non manquen a nosa conciencia), ou deixar que vaian entrando (un problema máis, algo que deberemos resolver algún día) no devir da convulsa existencia, sen tempo para a reflexión ou a mirada crítica. Mais o escenario devólvenos o noso reflexo, cal nun espello.. A vida é teatro, e o teatro é a vida. Tal vez por iso Pepe Agrelo dicía sempre que o teatro non é literatura. A aventura da vida respira no escenario, por veces exhalando a máis dura realidade, historias que non se quererían escribir nunca, mais que cómpre representar. Tantas preguntas se desprenden desta pequena obra que mesmo a derradeira palabra, a sagrada palabra FIN, é cercada cunha interrogante: “FIN?”.

Entrada de balde ata completar a capacidade do local.

Fecha Fin
2023-11-25