María Peinado faise co VIII Premio Laudamuco para textos teatrais

Imaxe de María Peinado
Coincidindo co Día Mundial do Teatro, coñecemos a obra gañadora da oitava edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.

María Peinado Casal é a autora do texto “Maseira”, recoñecido co VIII Premio Laudamuco, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.

O xurado, formado por Ánxeles Cuña, Cristina Domínguez, María Torres, Roberto Pascual e Manuel Xestoso, salientou na súa acta “a frescura e orixinalidade da obra”, así como “o uso dun humor tendente ao absurdo, que define un estilo propio e envolvente”. Ademais, destacou “o seu carácter antibelicista, tratado dunha maneira non dogmática, que permite unha lectura crítica e aberta”.

O premio está dotado con 7.000 euros e a publicación da obra por Edicións Positivas. A gañadora tamén recibirá un trofeo coa figura de "Laudamuco, señor de ningures", obra do artista plástico Xosé Vizoso. Será o vindeiro 16 de maio no Centro Social de Brión.

A autora

María Peinado Casal é titulada superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e conta tamén con formación en Filoloxía Inglesa, cursada na Universidade da Coruña e na Nottingham Trent University, no Reino Unido.

No seu percorrido profesional destaca o seu labor como directora e dramaturga, que a levou a obter o Premio María Casares 2020 á Mellor Dirección por "O meu mundo non é deste reino", da compañía aRamboia. Esta mesma montaxe, estreada en 2019, acadou tamén o Premio María Casares 2020 á Mellor Adaptación.

Como escritora, a súa obra "Laio" recibiu en 2014 un accésit na categoría de relato negro no Certame Nacional Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira. Ademais, participou como actriz en diversas montaxes, entre as que destacan "Lela anda en bicicleta" do Proxecto Toromelos, Piratiñas de Viravolta Títeres, a campaña de animación á lectura "O pazo da faba" de ilMaquinario Teatro ou o proxecto "As irmás Palavrakis", baseado en textos de Angélica Liddell.

Parabéns á autora e feliz Día Mundial do Teatro a todas e todos!